EUCALIPTOS NON, CARBALLOS SI. ED. INFANTIL.
Para rematar coas exposicións de temática medioambiental relacionadas co proxecto de centro "Coida do clima, coida dos teus" o grupo de Educación Infantil foi o curso encargado de dar fin a este proceso expositivo co seu traballo "Eucaliptos non, carballos si" conmemorando o Día Internacional da Diversidade Biolóxica celebrado o 22 de maio. Acompañaron a exposión cunha canción sobre os árbores da fraga na que as árbores autóctonas non aceptaban ao eucalipto na fraga por ser unha especie foránea.
Unha investigación realizada pola Universidade de Oviedo/Uviéu revela que a introdución de especies coma o eucalipto pode causar grandes impactos na capacidade que teñen os bosques autóctonos para mitigar o cambio climático, pois está en perigo a súa capacidade para almacenar carbono no chan.
O eucalipto non é unha árbore aborixe, fai anos que chegou á península Ibérica procedente do continente australiano como árbore ornamental de xardíns, que se acabou plantando no monte para empregar a súa madeira resistente nas travesas das vías do ferrocarril ou como soporte das galerías das minas. Coa súa madeira podemos fabricar dende papel de alta calidade ata grandes vigas de madeira para as bateas da cría dos mexilóns nas Rías Baixas.Temos que ter en conta que como se propaga con gran facilidade acaba invadindo o espazo das especies nativas e vai cambiando a composición do chan, da auga e da biodiversidade da zona, En fin, que transforma a paisaxe drasticamente e ten unha escasa oferta de alimento e de refuxio para os paxaros, pois non posúen cavidades naturais para que as aves poidan facer os seus niños, para refuxiarse ou descansar, tampouco teñen artrópodos para alimentarse.
O non reducir a expansión das plantacións de eucaliptos e os seus efectos sobre a fauna e flora provocou que algunhas das nosas paisaxes máis valiosas se eucalizaran. Dende o río Miño, na fronteira con Portugal, ata o territorio de Bizkaia, unha extensa superficie cuberta de eucaliptos forma un arco que inunda as Rías baixas, a costa da Coruña, a Mariña lucense, cubrindo o litoral e montaña de Asturias e Cantabria, e comezando a transformar a paisaxe de Bizkaia.
A pesar de todas as evidencias científicas, esta árbore segue sin aparecer no catálogo español de especies invasoras, en gran parte debido a que ten unha gran relevancia social e económica e as administracións públicas non loitan como deberían polo seu control.
Necesitamos xa retirar os eucaliptos para restaurar os nosos ecosistemas máis valiosos!

















Comentarios
Publicar un comentario