O día 7 de abril celébrase o Día Mundialda Saúde co fin de fomentar na poboación hábitos saudables, mellorar a saúde das persoas e o seu benestar físico e mental.
Co desenvolvemento do proxecto "Clima e saúde", enmarcado no proxecto anual de centro, "Coida do clima, coida dos teus", o alumnado de 4º curso sumouse a esta celebración. O obxectivo é concienciar sobre a importancia que ten o clima nas nosas vidas e como as decisións insostibles danan o planeta e afectan gravemente á saúde das persoas. Esta é a mesaxe que quixeron facer chegar a través do lema "Salvar o planeta é salvar vidas", inscrito nas chapas que entregaron aos compañeiros e compañeiras como agasallo o día da exposición.
Hoxe, 10 de abril, presentaron no colexio o seu proxecto: "Clima san, vida sa".Este é o mural ideado por eles para acompañar e que resume de xeito gráfico os contidos que estiveron traballando.
Compartiron este interesante e fermoso traballo con todos os nenos e nenas de Educación Infantil e Educación Primaria, realizando unha exposición no Salón de actos do colexio. Neste lapbook resumimos os contidos do proxecto.
Remataron a presentación cantando e bailando unha peza musical á que lle modificaron a letra para adaptala á temática que estiveron traballando. Esta cantiga titúlase "Caraveliños", do grupo Treixadura. Podes lela e reflexionar sobre a súa mensaxe.
Agardamos que este traballo vos guste tanto coma a eles, pero sobre todo, a finalidade é que todos e todas aprendamos a valorar e protexer a enorme riqueza que temos nos nosos montes, nos nosos ríos e na nosa contorna e, por conseguinte, coidar da nosa saúde. Aquí vos deixamos a invitación ao acto.
Feliz Día Día Mundialda Saúde!
Vídeo da exposición no salón de actos
Presentación que inclúe os contidos do proxecto: Clima e saúde. de Rosa M García Méndez
Para ilustrar o proxecto, a parte de realizar o traballo escrito e preparar a exposición oral, compartiron unhas mensaxes breves, pero contundentes e cun obxectivo moi claro, coidar o medio ambiente e tamén do noso colexio. Escoita con moita atención, son moi interesantes e non te van deixar indiferente.
Vídeo: "Accións para coidar o clima"
E sobre a mesma temática, pero dun xeito máis divertido, representaron na aula esta peza teatral escrita por eles e que nos fai reflexionar sobre as consecuencias do cambio climático e a responsabilidade que temos todos para frealo.
Obra de teatro: "Clima en perigo"🌞🌍⛅
Presentación de fotografías👀
Tamén construíron cada un deles unha orixinal maqueta. Na aula foron explicando todo o proceso de elaboración e o que querían representar con elas. Para acompañar á explicación realizaron un interesante traballo escrito que compartiron na exposición.
Todas as maquetas quedaron moi, moi bonitas. Moitas grazas ás súas familias por colaborar e axudalos no proceso de construción.
Con este proxecto non só traballaron contidos, tamén desenvolveron habilidades sociais e emocionais que lles enfrontan a desafíos reais, fomentando a creatividade, o pensamento crítico, a resolución de problemas, compañeirismo e a unión de todos e todas para acadar un obxectivo común. Poden estar ben contentos co resultado do seu traballo.
Celebramos o Entroido disfrazándonos de fenómenos meteorolóxicos. Distintos membros da comunidade educativa: pais, nais, nenos, nenas, mestres e mestras participaron nesta festa poñéndolle imaxinación e ganas de festa.
Na Aula Específica do centro desenvolveron ao longo do curso unha actividade rutinaria inserida no marco da estimulación basal e pedagoxía sensorial, contando coa participación de dous alumanos con necesidades de apoio extenso e xeneralizado. Trátase dun ritual predictible e sistematizado, orientado á discriminación sensorial primaria a través de experiencias directas e simuladas relacionadas coa meteoroloxía e a exposición a estímulos táctiles, térmicos e cinestésicos. Secuenciaron a actividade en catro bloques sensoriais, tres deles asociados a un fenómeno meteorolóxico e o derradeiro referente ás estacións: 1. Módulo "choiva": discriminación mollado /seco. Os alumnos tocan a superficie do peitoril da ventá para comprobar se está seco ou mollado. A docente verbaliza a palabra segundo o caso. A continuación, compróbase o recipiente da choiva. Baleirase e, se ten auga, a mestra indica "choveu" e aplica microaspersións de auga sobre as mans ou antebrazos dos...
No mes de xuño 4º de primaria foi a clase encargada de facer a súa observación do tempo atmosférico, o rexistro correspondente, subir os datos á aplicación de MeteoGalicia, facer as contas correspondentes para calcular a temperatura media do mes e a cantidade de precipitacións e anotar os resultados no climograma do Espazo Meteorolóxico. Rematando cun resumo da información obtida para o resto da comunidade a través da megafonía do centro.
Comentarios
Publicar un comentario